Wednesday 08 de May de 2024

O alcalde de Frades reúnese coa conselleira de Medio Rural para plantearlle unha serie de melloras nas infraestruturas do rural


Roberto Rey trasladoulle a Ánxeles Vázquez “as inquedanzas dos nosos gandeiros polo prezo inxusto que están a recibir polo leite”

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, e o concelleiro de Medio Rural, Manuel Ferreiro Marzoa, reuníronse coa conselleira de Medio Rural, Ánxeles Vázquez, para plantearlle unha serie de melloras nas infraestruturas do rural do municipio así como trasladarlle as inquedanzas do sector agrogandeiro de Frades. Unha reunión que tivo lugar na tarde de onte xoves nas dependencias de Medio Rural en San Caetano.

Roberto Rey indica que “puiden trasladarlle á conselleira as inquedanzas e preocupacións dos nosos gandeiros polo prezo inxusto que están a recibir polo leite que se produce nas súas explotacións. Ademais, aproveitei para transmitirlle moitas outras necesidades que temos en Frades, concello rural e gandeiro por excelencia”. O alcalde agradeceu “a amabilidade e a comprensión da conselleira coas necesidades plantexadas e tamén polo traballo tan intenso que está a facer ela e o seu equipo para que mellore a situación do sector lácteo e do medio rural”.

Pola súa banda, Manuel Ferreiro apunta que “aproveitamos tamén para presentarlle unha iniciativa municipal de apoio á campaña de promoción do leite 100% galego e que consiste na edición dun divertido calendario con fotografías dos nenos e nenas de Frades promovendo o consumo de leite”. Unha iniciativa que foi aplaudida pola conselleira Ánxeles Vázquez.